Tuesday 14 de May de 2024

Lousame aproba os Orzamentos para 2019, que ascenden a 3,8 millóns e destinan 1,4 millóns de euros a investimentos


 

As contas incrementan nun 24% o gasto en servizos á veciñanza e manteñen unha débeda bancaria cero

O pleno de Lousame aprobou esta mañá os Orzamentos Municipais para 2019, que ascenden a 3.815.976,89 euros, contemplan unha partida de investimentos de 1.400.267,21 euros, un incremento do 24% no gasto en servizos municipais e unha débeda bancaria cero. Unhas contas que foron aprobadas cos 6 votos a favor do Grupo de Goberno e as 4 abstencións de PSOE e BNG, xa que o partido da Terra non asistiu á sesión.

Os orzamentos de Lousame para 2019 preséntanse equilibrados en gastos/ingresos: ascenden a un total de 3.815.976,89 euros, un 45% máis co orzamento prorrogado de 2018 (2.094.404,73 euros) e un 25,86% máis co orzamento de 2017. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “cumpren co principio de estabilidade orzamentaria e rexistran un aforro neto positivo”, salientando que “incrementan nun 24% a partida para o mantemento dos servizos á veciñanza e practicamente duplican a partida de investimentos reais”.

Un 95% máis para investimentos

Así, o capítulo de investimentos ascende ata os 1.400.267,21 euros, un 95,8% máis ca en 2017, que eran de 715.056,81 euros. “Supoñen unha porcentaxe do 36,69% do total do orzamento”, explicou Teresa Villaverde, quen puntualizou que “nos orzamentos metemos só aqueles proxectos dos que temos absoluta certeza, porque hai outros que se farán, como a cuberta do polideportivo, que non están recollidos simplemente porque aínda non está firmado o convenio”.

A maior partida do capítulo de investimentos está destinada a pavimentación e mantemento de vías públicas, con 981.355,24 euros, onde destacan os 448.463,02 euros que a Axencia Galega de Infraestruturas vai investir en dotar dunha nova capa de rodadura ao viario entre Portobravo e Tállara, que a Xunta financiará nun 100%. Así mesmo, contémplanse 66.251,13 euros para o arranxo do camiño entre Gandarela e as Minas de San Fins, nos que a Xunta achegará 54.753 euros e o Concello de Lousame porá os 11.498,13 euros. Neste capítulo inclúense os 466.641,09 do POS+ 2019, cuxos proxectos serán aprobado no pleno extraordinario do próximo mércores.

O anexo de investimentos tamén contempla 171.941 euros para a renovación do alumeado público, grazas a unha achega de 137.552 euros do IDAE; e 71.237 euros para a pavimentación do camiño a Cernande, financiado pola Deputación e o Concello. Así mesmo, contémplanse 39.613 euros para a depuradora de Servia e para a adquisición de terreos para a depuradora da Silva (Cruído).

Contemplan o anexo de investimento outras partidas de menor importe económico como a mellora do equipamentos dos parques infantís do Concello (30.000 euros), o mirador do Monte Treito (49.346 euros), a substitución das luminarias do campo de fútbol (7.000 euros) ou os 10.000 euros dedicados a aforro enerxético en inmobles municipais.

Servizos municipais

O segundo capítulo de maior peso nestes orzamentos é o de gasto corrente en bens e servizos, que representa o 31,4% das contas. “Este capítulo contén as asignacións precisas para atender as necesidades dos distintos servizos municipais en 2019, que se incrementan nun 24% debido á necesidade de atender os gastos de funcionamento ordinario deses servizos que o Concello presta aos nosos veciños e veciñas”, explicou Teresa Villaverde.

A maior parte do incremento deriva o aumento do gasto no servizo SAF Dependencia polo incremento das horas prestadas. Así, pasouse dos 178.545,76 euros dos orzamentos de 2017 e 2018 aos 260.773,34 euros consignados para 2019. Ademais, tamén aumenta a partida para o Centro de Día ante a previsión do aumento de usuarios para o ano 2019.

Os gastos de persoal (Capítulo 1) ascenden a 959.677 euros e só experimenta unha variación fronte aos 929.830,58 euros de 2018 no que atinxe ao importe dos trienios a abonar: un 1,75% máis. O capítulo de gastos financeiros (Capítulo III) mantense como en anos anteriores nos 2.500 euros, “unha previsión garantista pois estamos moi ben de liquidez”, puntualizou a alcaldesa.

As transferencias correntes (Capítulo IV) ascende a 233.756 euros e sufre un incremento do 15,31% con respecto aos exercicios anteriores debido fundamentalmente ao aumento do crédito consignado para facer fronte ás cotas que anualmente xira a Mancomunidade de Concellos da Serra dos Barbanza, “aínda que choque coa realidade que observamos día a día”, apuntou Villaverde Pais. Así, pásase dos 142.283 euros de 2018 aos 161.000 consignados en 2019.

Ingresos

En canto ao capítulo de ingresos, os ingresos por impostos directos (Capítulo I) medra un 58,2%, segundo os datos facilitados pola Deputación da Coruña. O incremento débese ao aumento do padrón do IBI urbana, motivado pola revisión efectuada polo Catastro Inmobiliario, e ao cobro dos atrasos dos últimos 4 anos. Os ingresos por impostos indirectos (Capítulo II) mantense nos 30.000 euros, como en exercicios anteriores. As achegas por taxas, prezos públicos e outros (Capítulo III) cífrase en 356.556,47 euros, un 9,33% máis ca no exercicio 2018.

As transferencias correntes (Capítulo IV) ascenden a 1.494.370 euros, un 2,5% máis ca no exercicio anterior. Por ingresos patrimoniais (Capítulo V) prevense uns 1.200 euros de ingresos e 1.234.587,38 euros en transferencias de capital (Capítulo VII), que experimento un incremento do 206% con respecto ao exercicio anterior.

Debate

O voceiro do PSOE, Julio Paradela, volveu botar en falta investimentos en materia de saneamento e infraestruturas tecnolóxicas para levar Internet a todas as vivendas, pero centrou as súas críticas a estas contas na ausencia dunha Relación de Postos de Traballo. “Son moitos anos os que levamos incidindo na ausencia da RPT, que é fundamental para que cada traballador saiba o que ten que facer e canto vai cobrar”, especificou Paradela, quen tamén asegurou que “o orzamento minórase en 328.000 euros debido a un axuste”.

A Secretaria Municipal explicou que eses 328.000 euros non supoñen minoración algunha, pois as contas medran nun 25% con respecto ao último orzamento aprobado (2017), e explicou que esa cifra refírese ao grado de execución dos gastos presupostados pois “a realidade demostra que os orzamentos non se executan ao 100%. É unha estimación”.

Teresa Villaverde explicou que “hai o máximo interese en facer a RPT, estamos avanzando pero non é algo doado”, anunciando que “espero ter o inventario antes de final da lexislatura”. Finalmente, sobre a cuestión de Internet, Villaverde lembrou a existencia de programas financiados pola Xunta de Galicia para esta finalidade e destacou que nestes momentos están en marcha un proxecto de saneamento das aldeas de Filgueira, Seixido e Servia, adxudicadas por 113.000 euros e que para 2019 contémplanse investimentos para as depuradoras de Servia e A Silva.

O concelleiro do BNG non fixo uso da súa intervención.

IBI

Previamente, o pleno municipal aprobou por unanimidade as 9 solicitudes daqueles veciños e veciñas que pediron a bonificación do 95% da cota íntegra do Imposto de Ben Inmobles (IBI) por ser inmobles nos que se desenvolven exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. Isto significa 5 novas incorporación sobre o ano pasado. Teresa Villaverde explica que “grazas á bonificación que aprobamos, o Concello de Lousame deixará de ingresar 2.939,72 euros, que quedarán nos petos dos/as nosos/as agricultores/as e gandeiros/as”.